Placa decorativa de Amiadoso

Placa decorativa de Amiadoso
Placa decorativa de Amiadoso
Comentario

Bloque prismático de mármore con vetas, traballado nas súas seis caras, en dous momentos distintos, agrupándose de tres en tres e variando a orientación da peza.

Nunha primeira etapa, labrouse un dos lados maiores en posición vertical cun tema vexetal organizado dentro dunha cartela rectangular. Na base, dispóñense catro grandes e carnosas follas de acanto, algo trepanadas, organizadas en torno a un colgante piriforme. Entre os extremos das follas locen dúas flores hexapétalas, mentres que na parte superior xorden róleos e talos nunha profusa decoración vexetal na que peteiran dúas aves asimétricamente dispostas.

Nas caras laterais lábrase unha crátera ou "kantharos" gallonado do que parten follas de vide e zarcillos; nunha das caras, o motivo é apenas visible xa que foi repicada para asentar a peza na súa ulterior reutilización.

Trátase dun dos mellores exemplares da plástica galega de época romana. O seu deteriorado estado actual, con varios esmoucados así como un notable desgaste da superficie esculpida, non impide apreciar a riqueza da labra e a habilidade da súa execución.

O bloque foi reutilizado nun segundo momento, labrándose as outras tres caras e modificando o eixe de orientación que se dispón agora en horizontal. A cara frontal ofrece, encadrada nun marco rectangular, unha escena con dúas figuras afrontadas vestidas con túnicas curtas que sinalan pregues despois de cinguirse á cintura. Os personaxes estenden os brazos e xuntan as súas mans sostendo uns ramos ou suxeitando os pés dunha terceira figura, mentres á esquerda da composición se sitúa unha esquemática representación dunha árbore. Unha ampla cenefa vexetal exornada por un talo ondulante do que parten follas de hedra triangulares a un e outro lado alternativamente, delimitada por dous baquetóns verticais, completa a ornamentación desta cara.

Un motivo igual ao anterior aínda que coa particularidade de mostrar unha tetrafolia inscrita nun círculo nun dos extremos, repítese nos lados menores.

A escena principal, de difícil lectura, foi considerada nun principio como unha ofrenda e máis tarde reinterpretada por Bango como unha representación da ascensión de Cristo, o que conferiría á obra, de ser así, un extraordinario interese iconográfico polo feito de representar soamentes os pés de Cristo na escea.