Por Orde ministerial de 31 de decembro de 1941 (B.O.E. de 7 de xaneiro de 1942) créase o Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Provincial de Ourense, baixo o nome do eximio arqueólogo D. Marcelo Macías y García. A constitución oficial terá lugar o día 14 do mencionado mes de xaneiro.
O grupo xorde co obxecto de contribuír co seu traballo persoal ao fomento do Museo, tomando baixo a súa responsabilidade a publicación do Boletín Avriense, recollendo os traballos de investigación histórico-arqueolóxica e servindo de medio de difusión do Museo.
A creación do grupo nace como unha necesidade de apoiar a entidade á que aparece ligado. Desta maneira publícanse un total de seis volumes do Boletín do Museo que comprenden un período de dez anos dende 1943 a 1953.
O Grupo queda constituído do seguinte modo:
Director:
D. Xesús Ferro Couselo
Colaboradores:
D. Florentino López Alonso-Cuevillas
D. Vicente Martínez-Risco y Agüero
D. Xaquín Lorenzo Fernández
D. Carlos Vázquez Varela
Unha reestructuración terá lugar en 1972, pasando a formar parte do grupo novos colaboradores como D. Xesús Taboada Chivite, D. Francisco Conde-Valvís Fernández, D. Laureano Prieto Rodríguez, etc. O Grupo Marcelo Macías toma o compromiso da publicación do Boletín Avriense, de periodicidade anual, que inicia a súa andaina a partir de 1971 como difusor dos traballos científicos realizados tanto polos seus membros como por outros investigadores. No ano 1982 son confeccionados uns novos estatutos co obxecto de constituírse en asociación de acordo coa Lei de Asociacións de 24 de decembro de 1964, quedando inscrita no Rexistro de Asociacións do Goberno Civil de Ourense co nº 292/5-1º coa denominación de: GRUPO MARCELO MACÍAS DE COLABORADORES DO MUSEO E ARQUIVO PROVINCIAIS DE OURENSE, cos fins establecidos no artigo 3º dos estatutos:
a) O fomento e desenvolvemento do Museo e Arquivo Provinciais mediante o traballo, consecución de obxectos e medios materiais.
b)A xestión de donativos e depósitos que enriquezan as escolmas públicas de ambos centros.
c) O estudio e comunicación de aspectos da riqueza do patrimonio cultural nas súas diversas facianas, especialmente nos campos da antropoloxía, arqueoloxía, historia, arte, bibliografía, etc.
d) A investigación dos mesmos.
e) A difusión mediante a publicación e mostra pública dos resultados da investigación realizada.
O Grupo Marcelo Macías como herdeiro e continuador das etapas anteriores, prosegue o labor comezado en 1895 pola desaparecida Comisión Provincial de Monumentos. Faise cargo da publicación do BOLETÍN AVRIENSE, do que se levan publicado XXXIX números, empezando ademais unha nova serie de ANEXOS DO BOLETÍN AVRIENSE, na que se recollen traballos monográficos dos integrantes do grupo no seu labor de estudio e difusión da cultura galega, con especial referencia a Ourense. Ata o momento lévanse publicado 32 de temática arqueolóxica, histórica e artística.
En 1987 comeza unha nova serie, GUÍAS DO PATRIMONIO CULTURAL, da que se publicaron 12 números. Toda as publicacións serven de voceiro das investigacións que realizan os membros do grupo e atópanse abertas a outras persoas, ademais de se converteren, por mor dos numerosos intercambios que se manteñen, en instrumento de gran valor para a ampliación de recursos e da Biblioteca do Museo, na que se integran os intercambios que se reciben e que acadan preto dos mil libros anuais.
Na actualidade o Grupo Marcelo Macías está integrado polas seguintes persoas:
Presidente:
D. Bieito Pérez Outeiriño
Secretario:
D. Xulio Rodríguez González
Tesoureiro:
D. Xosé Ramón Lema Bendaña
Vocais :
D. Francisco Fariña Busto
D. J. Carlos Rivas Fernández
D. Vicente Rodríguez Gracia
D. Alfredo Seara Carballo
Membros:
D. Pedro Araujo Nespereira
D. Plácido Baamonde López
D. Jesús de Juana López
D. F. Xavier Espino Domarco
D. Iago Seara Morales
D. X. Carlos Sierra Rodríguez
D. Afonso Vázquez-Monxardín Fernández
D. Antonio Villarino Gómez
En 1987, a asociación é rexistrada no Censo de Asociacións e Entidades Culturais de Galicia co nº A-02-61/OR-354, acolléndose á Orde de 29 de marzo de 1987 e á Resolución complementaria de 26 de marzo de 1987 da Consellería de Cultura e Benestar Social da Xunta de Galicia.
Dende 1982 o Grupo colabora moi activamente no desenvolvemento dos seus obxectivos, participando na difusión dos fondos do Museo mediante mostras temporais e itinerantes, tanto nas salas do propio Museo como nas bisbarras da provincia, acompañadas estas xeralmente de charlas, conferencias, audiovisuais, etc.
Polas actividades realizadas a prol da conservación e difusión do patrimonio, o Grupo Marcelo Macías foi merecente en 1983 do “Premio Otero Pedrayo”, concedido pola Xunta de Galicia e as catro Deputacións Galegas.
No ano 1991, como recoñecemento á traxectoria do Grupo Marcelo Macías, é admitido como membro de pleno dereito na Confederación Española de Centros de Estudios Locais do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.