O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense encóntrase inmerso nunha ampla reforma que afecta ó edificio no que ten a súa sede, o primitivo pazo do bispo de Ourense, sito na Praza Maior da Cidade.
As obras obrigan a manter pechado ó público os espazos expositivos e a ter nun emprazamento provisorio o resto dos servizos do Museo, en tanto non se recupera como unha totalidade o edificio, que é o conxunto mellor conservado do románico civil, ao que se engadiron elementos posteriores que acrecentan o seu valor construtivo.
Para encher ese baleiro temporal da presenza pública das coleccións do Museo optamos por presentar esta escolma das coleccións, con eixo nas series de escultura, que ofrecían meirande representatividade dos fondos do Museo, ademais de contar con algúns dos elementos de referencia da propia colección, como é o caso dos guerreiros galaicos ou da escultura renacentista.
Agardamos que esta escolma das nosas coleccións sexa un índice da riqueza dos fondos que garda o Museo e unha suxestión das posibilidades que, nun día non moi afastado, poidamos ofrecerlles aos cidadáns na súa totalidade expresiva.