Estes fondos forman unha das series máis significativas do Museo xuntamente coas de escultura galaicorromana e o propio edificio. Ofrece unha síntese incomparable da arqueoloxía medieval de Galicia, xa que responde a un programa específico de traballo no que se produciron numerosas intervencións nos últimos anos, e deste modo, podemos ver os restos dun pequeno asentamento con raíces romanas como Ouvigo -cos seus estucos pintados, laudas funerarias e diversos materiais, entre eles unha píxide de bronce con esmalte-, ó lado do recuperado no centro urbano de Allariz- cunha lauda funeraria na que se recoñecen fórmulas de filiación xa en galego- ou os materiais que formaban o enxoval cotián dun castelo, como o de Araúxo, ou dun palacio de comezos do XVI, como o castelo de Castro Caldelas, así como os testemuños dun pequeno centro monástico como San Pedro de Rocas ó lado dos restos da necrópole ourensá da Madalena.
E entre elas outras pezas singulares de diversas procedencias, testemuños de formas construtivas e decorativas, que teñen en común testificar a existencia de numerosos monumentos da época prerrománica, vinculables co que se definiu como arte asturiana ou mozárabe, e nalgúns casos orixinarios do que se deu en chamar Ribeira Sacra. Así os relevos votivos e restos construtivos de Amiadoso- con raíces no mundo tardorromano-, as ventaíñas de Santa Catarina de Reza Vella ou de San Xoán de Camba, de onde proceden tamén os relevos que orixinaron moitas discusións científicas, as ménsulas de San Xoán de Cachón, a tampa de Viñao coa súa inscrición, Leokris me fecit, ou a do abade Argivito, de estola e datada sub Sancio Rex.
Tamén toda a serie de obxectos litúrxicos e imaxes da época, entre as que destaca a Virxe de Compostilla do Bierzo, unha serie de pequenas cruces esmaltadas e os capiteis, xa góticos, da Claustra Nova da Catedral de Ourense.