Representa unha muller nova, atractiva e elegante, que se detén a contemplar, cunha expresión á vez nostálxica e introspectiva, o escaparate dunha xoiería. A figura aparece de perfil, nunha pose informal, sostendo un paraugas coa man esquerda mentres achega a dereita ao seu rostro. O cadro foi premiado cunha medalla de terceira clase na Exposición Nacional de 1901. O tema afástase da espectacularidade e o melodramatismo dominante nas últimas Exposicións Nacionais, reproducindo unha imaxe cotiá da vida urbana contemporánea, reflexo da nova burguesía emerxente, que resulta anovador e orixinal.
Parada revela un evidente interese por compor con intención narrativa os aspectos tomados da realidade e demostra a súa mestría e dominio técnico.Trata a pintura cunha pincelada áxil e cambiante, usando a mancha de diferentes empastes, unhas sen apenas materia e outras cargadas, grumos puntuais que tenden a reflectir as vibracións lumínicas e a reverberación das xoias e cristais sobre o fondo escuro. Utiliza unha paleta cunha ampla gama cromática, destacando como nota central da composición a blusa branca da muller pola súa intensa luminosidade, en contraste cos negros da saia, os cálidos vermellos do sombreiro e os verdes que, como marco da figura, constrúen o escaparate.
Xunto ao tema, o procedemento utilizado, a soltura e espontaneidade da súa linguaxe plástica, traducen novas aspiracións e tendencias que sinalan a evolución do seu estilo cara a unha fórmula máis internacional, asimiladora de principios estéticos tomados da pintura francesa e europea da fin de século.
O recordo das xoias é unha obra esencial na traxectoria artística do pintor, na que a incipiente inquedanza polos problemas de luz e ambiente que se albiscaban nas súas últimas realizacións fanse agora patentes, traslucindo uns afáns modernizadores que quedarían truncados pola súa prematura morte aos 31 anos, á penas uns meses logo da conclusión desta súa última grande e prometedora pintura.