Torso masculino

Torso masculino
Torso masculino
Comentario

Escultura de vulto redondo, realizada nun bloque de granito, que representa un torso de pequeno tamaño dunha figura masculina. As importantes mutilacións, así como a forte erosión que presenta o conservado dificulta observar a precisión de moitos dos seus detalles. A figura estreitase sensiblemente cara a cintura, onde leva un cinto composto por dous baquetóns lisos e paralelos que se ven nitidamente nos laterais e na parte traseira, aínda que se perde na zona frontal, substituído por un leve avultamento, que fai pensar na posibilidade de que levara o característico escudo circular dos guerreiros (caetra), con umbo central.

Os brazos parecen separarse do tronco, sobre todo na súa visión posterior. No dereito, crebado antes de chegar ao cóbado, aprézase o remate da manga curta da camisa ou sagum, que mostra un suco lonxitudinal pola parte central, e o posible resto dun bracelete ou viriae, mentres o brazo esquerdo está fracturado desde case o punto de arranque. Acaso, se sinale tamén o escote en V da camisa.

É arriscado asegurar se levaría torques, aínda que mostra diversos avultamentos na base do pescozo.

O que si se aprecía con claridade é unha ancha banda, delimitada por dúas tiras e decorada con motivos de rombos, que cruza polo peito en diagonal, dende o ombro esquerdo ata o cinto no lado dereito e que continúa polas costas, onde se fai menos evidente. (Curiosamente os rombos son o motivo ornamental máis usual nas figuras de guerreiros, e aparecen habitualmente decorando o sagum).