Dionisos e Ampelos

Dionisos e Ampelos
Dionisos e Ampelos
Comentario

Escultura de vulto redondo que representa dúas figuras masculinas núas, á maior das cales fáltalle a cabeza e o brazo dereito dende pouco máis abaixo do ombro. O grupo interprétase como Dionisos ebrio asistido polo sátiro Ampelos -a vide-, tema mitolóxico que deriva de modelos helenísticos e do que existen numerosos paralelos.

A figura de Dionisos describe no seu contorno un lixeiro S que evoca ritmos praxitélicos, descansando o peso do corpo sobre a perna esquerda mentres a dereita aparece levemente flexionada. O brazo esquerdo disponse sobre o ombro de Ampelos, quen a súa vez cingue co seu brazo dereito a figura de Baco, apoiando a man aberta sobre a súa espalda, ao tempo que ergue a cabeza cara o deus.

A consecución da estabilidade de ámbalas figuras conséguese mediante a presenza na parte traseira dun groso tronco de árbore adherido á perna esquerda de Dionisos e sobre o que, sentado a carranchapernas, descansa o sátiro, a cuxos pés encóntrase unha caixa cilíndrica coa tapadeira aberta.

A obra chegou ata nós extremadamente erosionada o que non permite apreciar os detalles do seu tratamento, senon tan só as formas xerais da mesma.