Ventá de Reza Vella

Ventá de Reza Vella
Ventá de Reza Vella
Comentario

A fiestra é unha peza sinxela, aberta nun bloque granítico único, aínda que hoxe, logo da súa rotura cando se sacou do seu lugar, apareza como a unión de cinco fragmentos. No bloque abríronse dous ocos verticais rematados en senllos arcos ultrasemicirculares, tendentes caseque ao círculo, subliñando os elementos estruturais da peza cun livián surco que os resalta, o que levou a Yolanda Barriocanal a paralelizala directamente coa fiestra de San Xoán de Camba, que ten unha presentación similar. En efecto, as formas acentúanse por un sinxelo listel a penas refundido, a modo de filete que as contorna, liña que tamén segue o canto do bloque, formando un a modo de marco cuadrangular, roto na parte baixa dunha maneira apropiada para encastar o cumio dun tellado a dobre vertente. Na parte superior dos arcos, na enxuta, un triangulo, tamén en negativo único adorno desta peza construtiva, da que son coñecidos moitos paralelos, dos que deu conta X.C. Rivas nas páxinas do Boletín Avriense, e ás que cabe atribuír unha cronoloxía na décima ou undécima centuria, datas acordes coas informacións documentais coñecidas sobre Santa Catalina de Reza Vella.

A rotura do marco decorativo e a súa forma, como para encastala no cumio dunha cuberta a dobre auga, fainos pensar nunha reutilización nesa posición, afastada da que é máis habitual noutras fiestras desta mesma época, colocadas no centro das paredes frontais das ábsidas como aparecen as conservadas na súa posición como as de Santa Eufemia de Ambía por exemplo.