Virxe

Virxe
Virxe
Comentario

O modelo desta Virxe nai en pé co Neno é unha copia tipo A da " Madonna de Trapani ", orixinal esculpido por Nino Pisano.

A peza, dunha calidade aceptable, é un pouco máis pequena que o habitual. A Virxe nai de pé seguindo o modelo orixinal, leva sentado ó Neno sobre o brazo esquerdo, que supoñemos xiraría a cabeciña, que hoxe lle falta, para contemplala; unha das mans apóiase docemente sobre o peito da Virxe, mentres que a outra alárgaa para que a súa nai a acaricie con tenrura. Veste túnica moi vistosa e sobre ela manto, con estampados florais que lembran bordados do século XV en policromía dourada, así como na orla do manto. As voltas que se deixan ver ó caer os pregos conservan restos de policromía azul, como é propio neste tipo de copias. O Neno leva túnica longa que deixa ver os pés espidos e o manto caído, todo decorado como a vestimenta de María. A fronte da peaña, que é unha peza independente decorada con puntal e calados , ten un escudo en relevo da cidade de Trapani, o que lexitima a súa orixe trapanense.