Retrato de Juan Manuel Paz Novoa

Retrato de Juan Manuel Paz Novoa
Retrato de Juan Manuel Paz Novoa
Autores/as
Salgado Rodríguez, José María
Comentario

É un retrato de busto, de pequenas dimensións e formato ovalado, algo habitual no arquetipo de retrato burgués galego do romanticismo, e Paz é retratado á idade de vinte e nove anos, en posición lixeiramente terzada -case frontal- ante un fondo neutro; sobre o peito leva a medalla de catedrático. É unha obra moi académica, formal, na que a fidelidade ao retratado é o esencial de maneira que a pose, a vestimenta e as tonalidades usadas son consecuentes co obxectivo de dignificar o personaxe e outorgarlle a distinción social que lle corresponde. O rostro centra a nosa atención xa que é enfocado dende o ángulo superior esquerdo e queda no medio da penumbra circundante; Salgado reflicte con calidade os seus trazos fisionómicos: rostro alongado, fronte alta e pómulos lixeiramente caídos, pelo con carreiro ao medio, bigote amplo, pupilas cun toque de pincelada branca e mirada de certa seriedade melancólica. O xesto de Novoa é serio, adusto, e a súa postura corporal un tanto envarada e de certa sobriedade protocolaria. A cor é secundaria e só destacan pequenas pinceladas de carmín, o brillo prateado da medalla e o branco da camisa, que poñen o contrapunto ao negro da toga. A pincelada é curta, pouco matérica e apenas deixa trazas sobre o lenzo. O resultado final non está moi lonxe dos retratos destinados ás galerías de personaxes ilustres.