Nosa Señora do Refuxio

Nosa Señora do Refuxio
Nosa Señora do Refuxio
Comentario

Virxe entronizada, de tradición románica e influencia bizantina onde predomina a presenza de María como Theotocos, exaltación da Virxe como Nai de Deus. O seu rostro, de perfil ovalado e faccións doces, enmárcase por un veo suxeito por unha coroa que cae debuxando un zigzag ata os ombreiros. Viste túnica e manto de rica policromía en cores vermellos e azuis enriquecidos por motivos de rombos e bordes dourados, que serven para delimitar as distintas teas e roupaxes. Lémbranos, nas súas liñas e cores, ás pinturas do románico catalán e aos nítidos cores das miniaturas. Os brazos, que hoxe non se conservan, sosterían ao Neno, como é propio nestas Virxes. A parte posterior non está tallada, xa que estas imaxes polo xeral estaban colocadas nun lugar preferente presidindo o altar maior, sobre unha fornela suxeita á parede ou directamente sobre esta, de xeito, que a súa parte posterior permanecía oculta aos ollos da xente. A iconografía, moi tradicional, responde a modelos románicos de influenza bizantina, onde predomina a presenza de María como Theotocos, sempre en relación directa coa figura do Salvador, seu fillo, ao que sostén en brazos, sen manter con El unha relación maternal, amosándoo ao mundo. María represéntase, así, como a muller que fai posible o milagre da Redención, e como tal se amosa, con toda a dignidade, situada nun trono, hierática, frontal e intemporal. Empregando, para isto, unha composición pechada en volumes xeométricos reforzados polo emprego da liña recta. O escultor abandona, aquí, a observación da natureza, non necesita imitar ao mundo das cousas visibles senón que se rexe por fórmulas prefixadas de antemán, ditadas moitas veces por disposicións eclesiásticas, que marcan pautas ideais ao servizo do sagrado. A escultura ten, entón e sobre todo, unha función didáctica, e para iso, elimínase todo aquelo que non é esencial e reálzase o que é fácil de comprender por uns fieis moitas veces analfabetos.