Sen título (CE000547)

Sen título (CE000547)
Sen título (CE000547)
Comentario

Cruz procesional de tipoloxía de brazos cilíndricos lisos e ocos por dentro. Trátase dunha cruz latina en latón dourado. Nos extremos presenta decoración dunha cenefa con moldura sogueada e un friso con crestería de flor de lis "motivos moi usuais" que ademais serven para ocultar o empate das esferas que os rematan. A parte exterior destas bolas decórase con seis vástagos ondulados en disposición radial que só se conservan na esfera superior. A mazá é achatada e decórase cun repuxado de follas lanceoladas de contorno refundido, en dúas filas, formando seis rombos onde resaltan seis cabuxóns que encerran esmaltes con bustos de apóstolos barbados e de perfil sen atributo que os identifique. Só dous se conservan integramente pois son elementos fráxiles que saltan con facilidade.

Conserva no anverso a figura fundida de Cristo Crucificado, no que se aprecia un maior coidado na execución da cabeza fronte ao resto do corpo, con incisións anatómicas e liñas quebradas no pano de pureza en certa tendencia cara a formas máis redondeadas e un naturalismo máis humano, pés de Cristo suxeitos á cruz por só tres cravos, coroa de espiñas. A cabeza inclínase cara o ombreiro dereito amosando un rostro de aparente impasibilidade, cos ollos e a boca pechados. Os brazos, horizontais, alíñanse ao traveseiro e as mans esténdense completamente cos dedos xuntos e o pulgar separado. O perizonium ou pano de pureza parece acortado ao estar recollido sobre a perna dereita. Aprécianse os buratos para colocar, no reverso, a Virxe co Neno así como as placas cuadrilobuladas que representan aos Evanxelistas.