NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN
Biblioteca do museo. Edificio Santa Mª de Europa (A Carballeira)

Rúa Xílgaros s/n. Tfno.: 988 788 439 | Fax: 988 788 450

De luns a venres de 9.00 a 14.00 horas

Exposición: “Escolma de Escultura”. Sala San Francisco (edificio anexo ao claustro)

Rúa da Granxa s/n. Tfno.: 988 788 417

De martes a sábado de 9.00 a 21.00 horas

Domingo de 9.00 a 15.00 horas

Luns e festivos pechado

Rúa da Granxa s/n.
Tfno.: 988 788 417

Fóra dos Museos

Fóra dos Museos

“Fóra dos museos” traza un percorrido singular para que visitantes e público en xeral poidan, dunha banda, gozar de preto de seis pezas únicas provintes de museos e coleccións privadas, e doutra, reflexionar sobre o papel destas institucións en Galicia. Partindo dunha escolla de seis pezas que se irán exhibindo, a partir do 13 de marzo ás 20:00, durante oito meses, achegarémonos á súa orixe e problemáticas, e preguntarémonos que tipo de obxectos custodian.

“Fóra dos museos” é unha actividade da Librería NUMAX comisariada pola investigadora Sabela L. Pato que se centra nos museos galegos. A partir dunha escolma de seis pezas interrógase sobre a súa orixe, as súas problemáticas e sobre o tipo de obxectos que custodian e exhiben. Que repertorios caracterizan o sistema museal galego? Por que outros carecen de presencia? Que acontece, por exemplo, coa arte do exilio e cos testemuños materiais da represión franquista? E historicamente, en que modo contribuíron os museos á formación do sistema cultural galego? Na súa actual configuración: a que horizontes responde?

As seis pezas escollidas, e que se irán desvelando aos poucos, amosaranse sucesivamente no espazo da Libraría NUMAX ao longo de 8 meses durante unhas 5 semanas cada unha. Foron escollidas en base á súa relación co sistema museográfico galego. E para que isto teña sentido, o inicio da exhibición acompañarase dunha conversa en NUMAX con traballadores e traballadoras dos museos. Porque tamén conversar, debatir e difundir as problemáticas asociadas ao sistema museal galego é unha das claves deste proxecto.

A primeira “fóra dos museos”: un fragmento dun mosaico romano da Cigarrosa vinculado á fundación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que é o decano dos museos galegos. A súa historia remóntase a actividade das Comisións Provinciais de Monumentos, fundadas a mediados do s. XIX para salvagardar os bens culturais nacionalizados durante o proceso desamortizador. Os acontecementos que rodearon o achado do mosaico a finais do s. XIX e os sucesivos esforzos en pro da súa conservación e traslado ao museo son unha clara manifestación da precaria política cultural e patrimonial vivida entón e con posterioridade.

Como explica a folla de sala da peza (que podedes descargar AQUÍ) resulta especialmente emotiva a implicación tanto da veciñanza como do propietario da leira na que estaba o mosaico. Xa entrado o século XX, tamén os descendentes do propietario da leira fixeron o imposible por alertar ás autoridades ante a inminente construción dunha estrada nacional ao seu paso, chegando incluso a sacar os seus cultivos para destapar os restos.

Esta primeira peza amosarase a partir deste martes 13 de marzo na Libraría NUMAX (Concepción Arenal 9, baixo, Santiago de Compostela). “A orixe histórica dos museos galegos e o traballo das Comisións Provinciais de Monumentos” será o lema sobre o que reflexionarán a partir das 20:00 Xulio Rodríguez e Ana María Veiga, director e técnica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, respectivamente, xunto á comisaria da actividade. O acto é aberto e de balde.

“Fóra dos museos” é un proxecto comisariado por Sabela L. Pato que conta coa colaboración do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, do Museo das Peregrinacións e da cidade de Santiago, do Museo Massó, da Fundación Pedro Barrié de la Maza, do Museo do Pobo Galego e do Museo de Pontevedra.