A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, participa nunha iniciativa promovida pola Rede Dixital de Museos de España, a exposición en liña Ausencias e silencios
Con motivo do Día Internacional da Muller, a Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, Cer.es, presenta o catálogo temático Ausencias e Silencios. O novo catálogo forma parte de Patrimonio en Feminino, unha iniciativa coordinada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que foi creada no ano 2011 co obxectivo de darlle visibilidade ao papel das mulleres en diferentes culturas, civilizacións e períodos históricos.
A través desta mostra virtual destácanse aqueles ámbitos nos que a actividade feminina estivo ausente ou ben, si a houbo, foi silenciada. A exposición articúlase arredor de cinco grandes áreas temáticas: autoridade e poder, educación e ciencia, creación e espectáculo, traballo e labor, e dereitos e igualdade. O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense participa na exposición no apartado de dereito e igualdade, coa Tábula de Castromao, unha peza epigráfica de bronce que constitúe un claro exemplo da ausencia da muller no mundo do dereito público e político no imperio romano.
Pola súa banda, o Museo Etnolóxico participa na mostra con tres fotografías dos seus fondos, unha delas na área de ciencia e educación, outra na área de creación e espectáculo e a terceira en traballo e labor.
Xunto con estes dous museos da Xunta de Galicia, outros 24 centros da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España achegaron os 65 bens culturais que forman parte da mostra virtual e que lle permiten ao usuario realizar un percorrido por aqueles ámbitos nos que a actividade feminina estivo ausente ou foi silenciada ao longo da historia.
Este recurso enriquécese cunha publicación electrónica na que se recollen artigos e experiencias sobre os máis diversos aspectos da vida pública e privada das mulleres.