Arqueoloxía en monodose: “Escavacións no patio das Josefinas e Xardín do Posío” por Luís Orero Grandal

Arqueoloxía en monodose: “Escavacións no patio das Josefinas e Xardín do Posío” por Luís Orero Grandal

Luís Orero presentou os achados arqueolóxicos realizados nas obras do colexio das Josefinas e no Xardín do Posío, dous espazos clave para comprender a historia romana e medieval de Ourense. As catas previas á ampliación da pista escolar do colexio das Josefinas revelaron restos cerámicos, entre eles fragmentos de terra sigillata dos séculos I-IV, e importantes estruturas soterradas: un depósito de auga revestido de opus signinum e cal hidráulica e un hipocausto cunhas zonas queimadas que delatarían o praefurnium lugar onde estaría o fogo para quentar o espazo, testemuñas dun antigo edificio termal. Para preservar os restos, optouse por protexelos, cubrilos e construír por enriba. No Xardín do Posío, o control arqueolóxico durante a súa remodelación sacou á luz fragmentos de tégulas, muíños romanos, ánforas e un pozo con materiais de distintas épocas, ademais de dúas tumbas, posiblemente parte dunha pequena necrópole. Un conxunto de achados que amplía o mapa arqueolóxico urbano de Ourense cara ao Sur.