Na conferencia de onte, titulada “O berce do Homo erectus no altiplano etíope: os xacementos de Melka Kunture”, o profesor da UVIGO Eduardo Méndez Quintas destacou a importancia deste enclave para o estudo da evolución humana. A zona, que vén sendo investigada desde 1962 e actualmente baixo dirección italo-española, proporcionou unha secuencia arqueolóxica excepcional.
En Simbiro (1,2 millóns de anos) documentouse industria achelense e un obradoiro de obsidiana. Gombore II (1,0 millón de anos) conserva restos de Homo heidelbergensis e pegadas humanas e faunísticas fosilizadas. En Garba I (0,6 millóns de anos) atopouse unha concentración de bifaces altamente estandarizada, posiblemente asociada a actividades non relacionadas coa caza. En Garba IV (2,0 millóns de anos) apareceu unha mandíbula infantil atribuída a Homo erectus.
A transición desde a tecnoloxía olduvayense á achelense reflicte cambios cognitivos profundos. O Homo erectus, adaptado ao frío do altiplano etíope, foi probablemente o primeiro en migrar fóra de África, mostrando trazos anatómicos e sociais que apuntan cara ao humano moderno.