Despois de intensas campañas de escavacións realizadas nas décadas dos oitenta e noventa, e conscientes dos valores patrimoniais que encerra o xacemento, a partir do ano 2000, por medio de proxectos de posta en valor sociocultural, empréndense toda unha serie de accións tendentes a facelo accesible ao público tanto desde o punto de vista físico como para o consumo sociocultural e apreciación dos valores arqueolóxicos e naturais.
As diferentes intervencións encamiñadas a rendibilidade sociocultural concretáronse tanto en actuacións de musealización in situ, por medio da creación de rutas, paneis informativos, punto de información, como na publicación de material divulgativo, guías, folletos, vídeos, etc. Pois ben con esta exposición, pretendemos dar un novo impulso que axude ao mellor coñecemento e comprensión deste importante enclave para entender a romanización do NW Peninsular.
A mostra, cun discurso atractivo e cercano, estruturase en diversos apartados de carácter temático, nos que por medio dos restos materiais recuperados nas escavacións, ilústranse os diferentes aspectos da vida cotiá, ao tempo que permite ao visitante contemplar a beleza e interese das pezas exhibidas, que dan idea dos importantes vínculos e conexións que Santomé mantén con outros territorios ao logo dun período tan dilatado de tempo de cinco séculos.