Fútbol
Entre 1873 e 1969 a Eastern Telegraph Company (empresa coñecida popularmente como o Cable Inglés) conectou Vigo con Inglaterra e o mundo mediante o cable submarino telegráfico. Non é estraño que o establecemento dos británicos para traballar nas oficinas da empresa, cos seus costumes e divertimentos, propiciara que fora, posiblemente, o primeiro lugar en ver un partido de fútbol en España. Por toda a costa, outras vilas asistían a un match de pelota cada vez que a tripulación dunha navegación inglesa baixaba a terra. As «brisas inglesas» axudaron, xunto ao retorno de estudantes de lugares como Suiza ou Inglaterra, a que a costa fose pioneira na práctica do fútbol, mentres o interior, con Ourense á cabeza, permanecía indiferente, segundo o redactor de El Mundo Deportivo en 1906.
Arredor dese ano comezan a organizarse os primeiros equipos en Ourense. En 1910, no espazoso Campo de Aragón (ao carón do Convento de San Francisco) celébranse os primeiros campionatos con clubs como o Orense F. C., Atleti, Blanco y Negro, Triunfo, Victoria ou Sporting. A lei de descanso dominical de 1904 favorecera a extensión da práctica deportiva e as principais vilas da provincia dispoñen do seu team: Avia Foot-ball Club (Ribadavia, 1910), Sporting Valdeorrés (O Barco, ca. 1910), C. Infantil Valdeorrés (A Rúa, ca. 1910), Carballiño Foot-ball Club (Carballiño, 1910), Antela F. C. (Xinzo de Limia, 1919), Rayo Foot-ball Club (Verín, ca. 1919)…
Os sportmen, mozos principalmente de extracción burguesa, afílianse en sociedades nas que se fomenta o amadorismo como valor máximo do deporte moderno inicial. Os propios practicantes son os xestores e organizadores, ademais de promotores de actividades paralelas, como bailes ou teatro nos seus locais e campos.
1920 marcou o despegue definitivo do foot-ball como deporte hexemónico. A selección española consegue a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Anveres. Formaban ese equipo 4 cataláns, 13 vascos, 3 galegos e 1 extremeño. Neste momento xa hai 100 sociedades en Galicia. A admisión de profesionais nas súas competicións pola Federación Española en 1926 favoreceu a primacía do espectáculo sobre o exercicio físico. Os clubs constrúen os seus propios estadios aos que acode a afección en masa. Na cidade de Ourense o Campo do Loña (no actual barrio das Lagoas) é o máis demandado ata que en 1928 o Burgas F. C. inaugura o estadio do Couto.