O 30 de abril de 1963 falecía Vicente Risco, e queremos lembralo amosando un dos moitos debuxos que ao longo dos anos lle fixo outro gran compañeiro seu en Nós, Castelao. Esta caricatura, que forma parte do fondo artístico do Museo Arqueolóxico está realizada cuns escasos trazos de pluma. Unha liña continua e fluída resalta o contraste do branco sobre o negro que, neste caso, serve de fondo. Trazos sumarios como son as cellas curvadas e a ollada profunda, marcada máis, se cabe, polos cristais dos anteollos, fan un verdadeiro retrato psicolóxico do personaxe, no que se conxuga a disparidade entre o corpo e a alma, entre a fraxilidade corporal dun ser miúdo e tímido e a enerxía espiritual, fortaleza e constancia dun home culto e intelixente, reflectida coa postura da man dereita, erguida en xesto de orador, xa que as mans que debuxa Castelao sempre teñen unha carga expresiva transcendente.
As caricaturas constitúen un modo de expresión plástica fundamental en Castelao pola súa utilidade social, xa que entende que a arte debe contribuír ao desenvolvemento da conciencia humana e ao melloramento da orde social. De aí que os seus debuxos amosen unha clara implicación social e política en publicacións como Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos. Noutros casos, amosa a súa mestría nesta arte retratando a persoas de gran transcendencia como Valle-Inclán, Benavente, Pardo Bazán, Rey Soto, Fernández Flórez, Manuel Murguía, Basilio Álvarez, Xesús Corredoira ou Ramón Cabanillas.
Máis información na Peza do mes de xaneiro de 2005