Rematamos este repaso a algunhas das pezas máis senlleiras con este escudo de armas do Bispo Diego Zúñiga-Soutomaior procedente do edificio do Museo na Praza Maior.
Este escudo episcopal, do século XVII, segue o procedemento habitual da creación do brasón dos bispos, sobre todo dende o século XV pois, con anterioridade, pouco se diferencian as armas dun bispo das de calquera outro, xa que non se segue outra norma que a xeral, pero co paso do tempo vanse introducindo na práctica algúns elementos específicos. Pódese dicir que as armas dos dignitarios eclesiásticos corresponden ás do seu grupo familiar, pero pronto combinan as súas propias armas, en xeral colocadas en segundo lugar, coas do seu bispado, orde ou mosteiro, ben en dous escudos, nun escudo partido ou acuartelado. Tamén é habitual ver a combinación das armas maternas a continuación das paternas, e cando, como é habitual en España, se trata dun escudo acuartelado unha referencia dobre, á súa Igrexa (diocese propia ou a de orixe) e ao Rei, sendo tamén moi empregada a referencia ao Colexio Maior no que realizou os seus estudos eclesiásticos. Agora ben, sucede tamén con frecuencia que non contando cun brasón propio, o electo o defina no momento inmediato á súa designación.
No tempo histórico, e en Ourense, pódense ver as diferenzas no contraste que ofrece o noso escudo con outras armas episcopais documentadas no propio edificio, sexan as do bispo don Pedro González de Acevedo, -situado na fachada sobre a rúa do Bispo Carrascosa-; ou o escudo coas armas en pedra de don Xoán Manrique de Lara que se conserva na galería do primeiro andar sobre o xardín. Esa situación é reveladora dos progresos normalizadores que na heráldica hispánica, pero tamén na doutros países europeos, se produciu nos séculos XVII e XVIII, etapa na que se formulou unha teoría heráldica xeral ata ese momento moi flexible.
Máis información na Peza do mes de decembro de 2006