A Peza de hoxe é un positivo coloreado á man de tamaño de tarxeta postal (8’5 x 13’5 cm) do que hai outra copia igual en branco e negro. Ambas as dúas foron adquiridas en 2014 por Fernando del Río a coleccionistas de Barcelona e Sabadell, e foron depositadas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Forman parte dunha serie publicada por Ed. Arribas (núm. 52 – Ourense) e postas en circulación postal na década dos 50.
Mostra o Parque de San Lázaro dende a zona de «sindicatos» cara ao «Goberno Civil», durante o estío (como nos indica o arboredo e a vestimenta das nenas). A fonte ten un enreixado baixo, hoxe desaparecido, estando xa embutida na súa base truncada que bordean grandes follas de plantas acuáticas; visualízase ao fondo o edificio gobernamental, sen a existencia do Monumento aos Caídos; non hai rastro da pérgola actual; á dereita aparece a capela do San Lázaro, aínda non trasladada a Peliquín, e á esquerda observamos o pequeno porte da palmeira e as casas que conforman o primeiro tramo da Avda. de Xoán XXIII.
Podemos datala entre 1948 (ano de inauguración da nova sede do Goberno Civil) e 1951 (ano da colocación da estatua de Asorey).
Máis información na Peza do mes de maio de 2015