O mosaico (“opus tessellatum“) é un tipo de pavimento empregado como elemento decorativo nos solos fabricados a base de teselas (pezas cúbicas máis ou menos regulares) compostas de diversos materiais: pedras de varios tipos, entre as cales sobresaen os mármores de diferentes tons; vidro transparente e coloreado ou ben opaco, cerámica (incluso vidrada) ou pasta vítrea. A ornamentación dos mosaicos podía ser de motivos figurados (escenas da vida cotiá, episodios mitolóxicos) ou de elementos xeométricos. Decoraban espazos públicos, edificios oficiais, residencias imperiais ou casas de personaxes de certa relevancia social.
Este mosaico de tema mariño atopouse en 1972 nun xacemento en A Cigarrosa (Petín, Valdeorras) onde xa se descubriran no ano 1969 (polo grupo “Os Escarbadores”, coa supervisión e apoio do Museo) outros dous mosaicos con composicións da mesma temática que revestían o fondo e as paredes de dúas piscinas. Dese mesmo xeito, este fragmento pertence a un mosaico que cubría unha estancia cuadrangular á que se accedía por unha escalinata. Os muros desa estrutura estaban recubertos por un zócalo axadrezado formado por teselas grandes de diferentes cores e a decoración do pavimento consistía en peixes, ameixas ou golfiños, colocados de xeito aleatorio e coa presenza das “moscas de auga” e os trazos ondulados para suxerir os movementos da auga. Probablemente o mosaico pertenceu a unhas infraestruturas que incluían un conxunto termal. Segundo o estado actual das investigacións, as “moscas de auga” coas que se representa a auga neste mosaico son típicas dos pavimentos musivos de Galicia. Ademáis, este motivo ornamental podría indicar a existencia dun obradoiro itinerante que tería o seu epicentro en Lugo.
Cando este interesante conxunto termal se descubriu e se estaba dando a coñecer a súa importancia e significado, a zona viuse afectada pola traza dunha nova vía de comunicación pública: o acceso centro pola marxe esquerda do río Sil. O director do Museo naquelas datas, Ferro Couselo, desolado, recolleu os fragmentos que se puideron recuperar, ingresándoos nas coleccións do Museo, onde recentemente foron de novo restaurados. E son as únicas testemuñas dun gran complexo termal de finais do século III ou comezos do IV situado nun lugar privilexiado que ben puidera ser Forum Cigarrorum das fontes clásicas.
Máis información na Peza do mes de novembro de 2009