Recipiente aberto, de 41,5 x 31,1 x 0,9 cm, de morfoloxía xeral globular, perfil cónico-convexo e paredes semigrosas, con dous ocos simétricos o carón do bordo. A base é cónica e remata nun umbo irregular, o galbo é cónico-redondeado e limita co colo (convexo-redondeado) a través dunha carena horizontal. Tamén conta cun bordo lixeiramente exvasado e un beizo labiado. Con respecto á pasta, presenta unha textura heteroxénea, semicompacta, con desgraxantes de tamaño medio-groso en cuarzo/mica e variedades tonais cincentas alaranxadas e vermellas. No caso das superficies interior e exterior, amosan cores desiguais alaranxadas/cincentas, e texturas groseira e semigroseira, respectivamente. A cocción é alterna (redutora no interior e oxidante no exterior). A decoración concéntrase no exterior -entre a carena e o beizo-, e componse dunha trama irregular de trazos inciso-paralelos, delimitados cun segundo trazo subcircular.
A peza procede dos traballos de prospección arqueolóxica realizados no lugar de Os Pontos (Calvos de Randín, Ourense). O director da intervención interpreta a peza como unha cerámica de Tipo Penha, coa forma 1B da tipoloxía do Dr. V. Oliveira Jorge, correspondente a cronoloxías calcolíticas. Tras a reconstrución da peza -407 fragmentos- pódese constatar que os riscos da decoración terían sido realizados probablemente coa axuda dun punzón, xunto cos dous orificios simétricos -separados 5 cm- de corte cónico, furados de fóra cara dentro (de 1-0,5 cm) e que poderían servir como elementos de suspensión. Por último, e a falta dun contexto arqueolóxico mais preciso, o seu uso estaría relacionado co receptáculo de alimentos sólidos e/ou líquidos.