Aixola de seixo da mámoa M4 de Outeiro de Cavaladre

As manifestacións megalíticas e tumularias da Baixa Limia son ben coñecidas gracias ós traballos do autor da presente «peza do mes» do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, quen ten dirixido escavacións e prospeccións no espazo do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xures. Precisamente foi no transcurso dunha prospección arqueolóxica no que se ten producido o achado na superficie dun dos túmulos do Outeiro de Cavaladre (Muíños, Ourense) dunha aixola de seixo.
Que se trate dunha aixola e feita sobre seixo, aumenta o interese desta peza. En efecto, as aixolas rarean no rexistro galego, en contraste coa súa mellor representación noutros territorios, como é o caso portugués por exemplo. A súa vez, que teña sido elaborada en seixo, o segundo caso coñecido no noroeste ata de agora, móstranos o coñecemento que a sociedade da época tiña das propiedades das rochas e minerais da súa contorna e da súa capacidade técnica para empregar un abano delas en función das esixencias técnicas e mecánicas do utensilio a obter.
O feito de ter sido recollida en superficie e dada a amplitude cronolóxica deste tipo de pezas, dende o megalitismo máis antigo ata contextos máis recentes, non é posible propoñer un intervalo temporal máis concreto.
Funcionalmente, empregaríanse no traballo da madeira: labores de deforestación, construción de valados, cabanas, mangos para as ferramentas; así como se usarían en labores agrícolas como a sementeira e outros coidados da terra de labor.