CACHIMBA DE ARXILA TIPO XONÁS E A BALEA
Esta cachimba de arxila aparece fragmentada durante unha escavación arqueolóxica que se deu entre os anos 2023 e 2025 no Camiño Real de acceso á fortaleza de Monterrei. O estudo identifica este fragmento como parte dunha pipa holandesa do tipo “Xonás e a balea”, un motivo moi popular nos Países Baixos desde o século XVII. Presenta tamén marcas dun fabricante pouco documentado, do que só se coñecen dous paralelos: un exemplar atopado en Gouda e outro nas escavacións da igrexa da Concepción en Tenerife.
A análise destes achados permite reconstruír parcialmente a decoración e a forma da peza, así como a súa posible datación entre finais do século XVII e inicios do XVIII. As probas SEM-EDX revelan unha arxila rica en pirofilita, propia de pipas elaboradas con boas propiedades refractarias, confirmando así a orixe e singularidade desta cachimba atopada en Monterrei.