CERÁMICAS CINCENTAS FINAS PULIDAS
O xacemento arqueolóxico de Aquae Querquennae (Baixa Limia, Ourense) constitúe un dos campamentos romanos máis importantes da Península Ibérica, grazas ás escavacións e ás prospeccións xeofísicas, que permitiron reconstruír a súa ordenación urbanística e identificalo como base da Cohors III da Legio VII Gemina, ligada á construción da Vía Nova a finais do século I e comezos do II d.C. O labor de investigación e difusión foi impulsado durante cincuenta anos polo catedrático Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco.
Entre os numerosos achados destaca a cerámica cincenta fina, de produción altoimperial característica do noroeste peninsular, identificada por pastas depuradas con núcleo gris, superficies pulidas e decoración brunida. No campamento só aparecen dous tipos: gobeletes e xerras para servizo de mesa. En 2010 recuperouse unha peza deste tipo, unha xerra globular cun pé de galleta e decoración brunida, atopada nunha foxa da zona sur da retentura, xunto a materiais metálicos e un denario de Marco Antonio. A súa cronoloxía sitúase entre o 75 d.C. e os primeiros anos de Adriano, e a súa produción relaciónase coa contorna de Bracara Augusta, aínda que sen localización exacta dos obradoiros.