CRUZ EMBOLADA, CASTRO DE SAN VICENZO, AVIÓN

CRUZ EMBOLADA, CASTRO DE SAN VICENZO, AVIÓN

Xuño 2026
-
Jorge Lamas Bértolo

Esta peza arqueolóxica, coñecida como Cruz Embolada, foi atopada no ano 2024 no Castro de San Vicenzo, en Avión, un asentamento fortificado da Idade do Ferro. Trátase dunha lousa de granito de 63 x 44 x 10 cm que presenta un gravado con forma de cruz embolada, entendida como un motivo de tipo labiríntico con desenvolvemento en cruz.

A peza foi localizada xunto a unha cabana e presenta unha lixeira curvatura que indica que estaba adaptada ao muro exterior da construción, onde probablemente se atopaba instalada. A súa cronoloxía sitúase entre os séculos II a.C. e I d.C., correspondente á fase final de ocupación do castro.

Este tipo de representación é moi escaso no ámbito atlántico, existindo só paralelos reducidos como o do Castro de Santa Trega. A súa localización e contexto suxiren unha función máis simbólica ou cultual que práctica, inserida nun sistema de códigos compartidos polas comunidades galaicas da Idade do Ferro, nos que se expresaban ideas sociais, relixiosas ou astronómicas a través da arquitectura e a decoración material.