A FOTOGRAFÍA ETNOGRÁFICA: ROMARÍA DE SAN VITOIRO

A FOTOGRAFÍA ETNOGRÁFICA: ROMARÍA DE SAN VITOIRO

Abril 2026
-
Xosé Luis Suárez Canal
Fotografía pertencente á serie que José Suárez fixo sobre a romaría de San Vitoiro en Allariz. ca. 1932
Fotografía pertencente á serie que José Suárez fixo sobre a romaría de San Vitoiro en Allariz. ca. 1932

En outubro de 1971 José Suárez Fernández (1902-1974), a quen se dedica o Día das Artes Galegas deste ano 2026, fai a súa derradeira exposición no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Despois de ter exposto por todo o mundo era paradoxalmente a primeira vez que o facía en Ourense. Presentou unha mostra das súas coleccións fotográficas realizadas ao longo da súa traxectoria dende os anos 30, obra cun carácter moi singular dentro da fotografía histórica galega. A fotografía escollida para a peza do mes da colección do museo pertence á serie etnográfica sobre a romaría de San Vitoiro (Allariz) ca. 1932. Son series feitas cunha realización fotográfica moi coidada nas que vemos a utilización de recursos estéticos que o aproximarán ás vangardas fotográficas europeas. Esta fotografía permite pór de manifesto, entre outras cousas, un dos recursos que vai adoptar José Suárez ao longo de toda a súa carreira fotográfica a preparación da toma como se se tratase dunha escena de cine, arte á que dedicou parte da súa vida.