OS CAMPANIFORMES DA PORTELA DA MOADA
Esta peza está formada por tres fragmentos de vasos campaniformes atopados na Portela da Moada, un monumento megalítico que formaría parte da necrópole de Veiga de Maus de Salas, (Muíños). O megálito foi dado a coñecer por Florentino López Cuevillas en 1927 na revista Nós e reescavado en 1972 por X. Ferro Couselo, ante a afección que o encoro de Salas ía supoñer para estas necrópoles, intervención na que apareceron os tres fragmentos. Na actualidade non foi posible identificar a mámoa que describiu Cuevillas, polo que podería ter sido destruída.
As pezas que tratamos este mes pertencen ao Campaniforme Antigo, con datacións que en Galicia e no noroeste se remontarían ao 2800/2500 a. C., este tipo de cerámicas aparece nos monumentos megalíticos en momentos moi tardíos con respecto a un ritual que se manifesta desde o Neolítico Medio. Respecto ao seu uso, o xacemento de Devesa do Rei (Vedra, A Coruña) ofrece paralelos con recipientes campaniformes que conservaban residuos de fariña, produtos lácteos e mel ou hidromel.