A fotografía aérea aplicada á investigación do patrimonio arqueolóxico ademais de ofrecer imaxes vistosas e mesmo espectaculares dos xacementos é, por riba de todo, unha ferramenta de traballo que detecta as anomalías na superficie da terra derivadas da presenza do home. Son as trazas ou indicios –de microrrelevos, de crecemento diferencial da vexetación, de humidade…- que correctamente descifradas, como se dun código secreto se tratase, fan visibles elementos ocultos do solo e/ou subsolo, axudando así a identificar, estudar e protexer os diferentes bens que conforman a memoria material do noso pasado.
A exposición, nucleada por imaxes aéreas oblicuas a baixa altura obtidas polo fotógrafo Gerardo Gil, por encargo da Sección de Arqueoloxía do Instituto “Padre Sarmiento” de Estudos Galegos (IPSEG), a comezos da década dos noventa do século pasado, aparece ademais complementada por datos relativos aos pioneiros da imaxe aérea en Galicia, xa desde comezos do século XX -a chegada dos globos aerostáticos e dos primeiros aeroplanos ao ceo galego-. A experiencia do IPSEG, que foi pioneira en Galicia, non tivo, non obstante nin a continuidade nin o recoñecemento que debera ter merecido, pese a ser hoxe xa unha parte máis da historia da arqueoloxía galega en canto experiencia metodolóxica singular.
Estruturada en base a oito grupos temáticos, o núcleo da exposición aborda desde aqueles xacementos que se corresponden coa paisaxe monumental castrexa ata os relacionados co encastelamento medieval, para logo ofrecer algunhas visións en positivo e en negativo dalgúns xacementos, conxugando ademais a imaxe oblicua baixa da década dos noventa con imaxes aéreas verticais máis antigas e de tipo fotogramétrico. Finalmente, remata cos traballos de fotointerpretación levados a cabo na Cidade de San Cibrao de Las durante os anos 1991 e 1992, tendo en conta que a fotointerpretación debe ser o obxectivo final da arqueoloxía aérea.
Do 29 de xuño ao 29 de xullo de 2018 no Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña)
Horario:
De luns a domingo de 12.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.00h
Agás o 29 de xullo (de 12.00 a 14.00h)