Acubillo monetario de Monte Rego
Un acubillo é un conxunto de pezas reunidas de xeito intencionado que foron escondidas polo seu dono e nunca as recuperaría, chegando así ata a nós. Este tipo de conxuntos poden ser de distintos tamaños e composicións, orixinados por motivos de aforro ou dunha tesaurizacion e agóchanse nun momento de perigo, inestabilidade, crise social ou por outras situacións. Coa presenza da moeda dende a chegada dos romanos, os acubillos están compostos unicamente por series monetarias ou acompañadas con xoias, e indican a posición social dos seus propietarios proporcionando unha información fundamental para a arqueoloxía e a numismática.
O acubillo de Monte Rego procede dun achado na parroquia de San Pedro de Cudeiro, entre as de Sartédigos e Vilar de Astrés, no antigo camiño real de Ourense a Santiago de Compostela. Esta localización relacionaríase co tránsito de xentes e tamén cunha poboación situada ao pé do camiño, nun lugar de paso, onde habería un desenvolvemento comercial e unha maior monetarización.
Está composto por un peto con moedas, das que se conservan cento corenta e nove cunha cronoloxía que abrangue dende finais do século XII ata a segunda metade do século XIV.