Arquivos do Seminario de Estudos Galegos
O Museo conserva os seis volumes dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (ASEG) proveniente dos fondos da Comisión de Monumentos.
O pulo creador do Seminario parte, no outono de 1923, da ilusión de nove estudantes da Universidade compostelá próximos ás Irmandades da Fala, –os de máis proxección Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Ramón Martínez López e Luís Tobío– e o profesor Armando Cotarelo Valledor. O nome de «seminario» fai referencia a un lugar de «sementeira», de aprendizaxe activa e traballo conxunto de profesores e alumnos, fronte á palabra «cátedra» que evoca un ensino unidireccional.
En 1926, en paralelo á colaboración con Nós e á edición de monografías, iniciaron a publicación dos Arquivos. Os seis volumes conteñen á par de artigos académicos sobre xeografía, prehistoria, arqueoloxía, etnografía, folclore, música ou literatura popular, información sobre socios, patrocinadores, directivas, actividades, etc.
A derradeira publicación do Seminario, significativo, foi Parroquia de Velle de Cuevillas, Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo, e saíu da Imprenta de La Región no verán de 1936.