Denario de Vespasiano. Campamento de Aquae Querquennae
O campamento militar de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande, Ourense) é un recinto castrense, construído en época alto-imperial romana con carácter permanente, onde estivo acantoado un continxente de tropas dependente da legio VII Gemina, lexión acantoada en León.
Este asentamento permanecerá ocupado pola mencionada unidade militar durante un curto período de tempo: desde a súa construción ca. 74/75 d. C., durante o mandato do emperador Vespasiano, o primeiro da dinastía Flavia, ata o seu abandono definitivo a finais do goberno de Traxano ou, incluso, a principios do seu sucesor Adriano, ca. 120 d. C., ambos pertencentes á estirpe dos Antoninos.
As tropas acantoadas en Aquae Querquennae abandonaron as súas instalacións de modo pacífico; pero, pese a iso, recuperouse unha cantidade de material significativo: diversos tipos de cerámica (común, terra sigillata hispánica, bracarense, paredes finas, gris), fíbulas, moedas (ases, denarios, dupondios), vidros, lucernas, doas de colar, taboleiros de xogo, instrumental médicocirúrxico, materiais de construción (ladrillos, tellas planas e curvas, cravos, grampas) e, por suposto, restos do armamento e equipamento militar dos soldados (fragmentos de espadas, puntas de lanza e regatóns, dardos para lanzar con catapultas, elementos correspondentes aos arreos dos cabalos), etc. Neste campamento, ademáis, se descubriron e consolidaron importantes restos arquitectónicos. Todos estes achados axudan a afondar no coñecemento da vida cotiá dos soldados.