Dúas fotografías do aviador Piñeiro. Ribadavia, 1913
As dúas fotografías que presentamos corresponden a un dos espectáculos de José Piñeiro González “o aviador Piñeiro”, o primeiro home galego en pilotar un avión. Son copias de placas de cristal realizadas o 13 de xullo de 1913 en Ribadavia con motivo das festas e forman parte dunha extensa e variada colección, doada hai uns trinta anos por Pablo García Vázquez ao fotógrafo Fernando del Río e que hoxe forman parte dos fondos documentais do Museo. A colección componse de numerosas placas de cristal tomadas cunha ICA «Ideal», con obxectivo TESA, de fabricación alemana, que foron realizadas e reveladas polo doutor García Pérez (médico cirurxán do Hospital Provincial de Ourense), pai do doador. Na primeira delas, o doutor García inmortaliza o aviador Piñeiro no intre de subir ao seu aeroplano e na outra xa en voo. O lugar elixido, o campo de San Cristovo, nas marxes do Avia non era o axeitado pois carecía do espazo necesario para aterrar e as árbores e montañas que o rodeaban eran un tremendo perigo para o piloto. Aínda sabedor de que o accidente era inevitable, o aviador non quixo desairar os milleiros de persoas que viñeran de moitos lugares para velo e, a pesar da insistencia dos seus mecánicos e dos membros da comisión de festas en cancelar o evento, voou para eles.