El Gracioso. Juan de la Coba
Na Galicia da segunda metade do século XIX ten lugar unha efervescencia da imprenta da que a provincia de Ourense e a súa capital non van ser unha excepción. No marco daquel entusiasmo impresor El Gracioso non foi senón unha curiosidade, un paradoxo. Aínda así, estamos ante unha publicación sorprendente por unha serie de particularidades entre as que están o seu contido extravagante, o descoñecer a tirada –que podería ter sido duns poucos exemplares, sen que poidamos cuantificalos exactamente– ou ignorar as datas exactas de publicación.
O exemplar do Museo, datado en 1889 é –a día de hoxe– o único exemplar coñecido que se conserva de El Gracioso. No encabezamento figura D. Juan de la Coba Gómez como Propietario, director y único redactor deste xornal que el define no subtítulo como Periódico moral, literario y recreativo, en prosa y verso.