Mango de madeira do Castro do Castelo de Laias
O mango de coitelo do castro do Castelo de Laias (Cenlle, Ourense) remítenos á cultura material máis descoñecida da Idade do Ferro, aquela elaborada a partir de diversos tipos de materiais vexetais (madeira, cortiza, talos, follas, etc.). Esta cultura material de natureza efémera foi predominante no pasado, investigacións e achados recentes teñen permitido ampliar o noso coñecemento dela, e comezan a revelar a súa diversidade e os coñecementos técnicos e ambientais que atesoura.
No caso da madeira, esta materia prima foi utilizada para a construción de vivendas e estruturas de almacenaxe, embarcacións, armamento ofensivo e defensivo, e utensilios domésticos e instrumental agrícola e forestal. Mais o seu carácter perecedoiro ten condicionado a súa preservación en contextos arqueolóxicos.