Mortero de Saturninus. Papón. Ourense
Con motivo das obras realizadas na estrada N-525, ao abeiro do coñecido como Plan de accesos a Galicia, levado a cabo na primeira metade da década dos anos 70 do século XX, que tiña por obxecto mellorar o trazado desta vía, tivo lugar o descubrimento desta peza, xunto cuns fragmentos de terra sigillata, nas proximidades da cidade de Ourense, á altura do lugar de Papón. Manuel Blanco Guerra, coñecedor do achado, deu conta deste no diario La Región, o 3 de xaneiro de 1974.
Trátase dun fragmento de mortarium, do que só se conserva o arranque do corpo co pico vertedoiro, con dimensións máximas de 12,3 x 5,8 cm, de pasta arxilosa, moi depurada, de cor ocre. A ambos os lados da canle presenta sendas cartelas con marcas impresas. Na marxe dereita do vertedoiro oblicua á canle de desaugadoiro, a cartela contén o selo completo: SATURNIN(I), cunha ordenación de lectura do texto do exterior ao interior do bordo, que nos indica o nombre do propietario ou director do obradoiro onde foi realizado. No outro lado, tamén oblicuo ao vertedoiro, leva unha nova cartela, anepigráfica, cun ramo de palma, motivo que habitualmente acompaña os produtos asinados por Saturninus.