Oito escudos. Carlos II. Igrexa Vella, Xinzo de Limia
A peza que presentamos –oito escudos de ouro de Carlos II, tamén coñecidos como onza ou dobróns de a oito–, apareceu no transcurso dos traballos arqueolóxicos realizados na parroquial de Santa Mariña, máis coñecida como Igrexa Vella, situada na zona antiga, na localidade de Xinzo de Limia.
Segundo o arqueólogo, Manuel Xusto Rodríguez, ao redor do ano 1650 fixeranse reformas nesta igrexa, cando se constrúen nichos funerarios de tipo familiar que conforman distintos niveis de enterramentos ata configurar o nivel do chan actual. Con estes restos aparece asociada, como é frecuente nesta época, cerámica vidrada melada, Talavera da serie tricolor e moedas que nos sitúan no reinado dos Austrias, entre as que destaca esta moeda depositada de maneira intencionada no lado dereito dun cadaleito de madeira, como enxoval, na sepultura 161/SM 6; situado por debaixo do altar maior, na ábsida, nun lugar preeminente; cunha dirección oeste-este, sendo a única delas que está mirando cara os fieis. A persoa enterrada debeu gozar polo tanto dun alto estatus, posiblemente relacionada cunha alta dignidade eclesiástica.