Os Quixotes do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
A obra cume da literatura española é sen lugar a dúbida, El Ingenioso Hidalgo D. Quijote de la Mancha. Desde a súa primeira edición en Madrid (M. de Cuesta, en 1605, 312 fols.) unha infinidade incesante de edicións a sucederon. Cervantes publica esta obra –á que continuará a segunda parte, en 1615– rematando xa a súa vida, «xa cun pé no estribo», como lle escribe ao conde de Lemos na súa última carta. É pois unha obra de madurez.
Os catro exemplares que se custodian no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense son edicións moi interesantes bibliograficamente falando. Por orde cronolóxica, son tres do século XVIII (1741, 1771 e 1783) e un do XIX (1829), todos impresos en Madrid.
Malia non estar completa, podemos sinalar que, polo seu carácter histórico, filolóxico de edición crítica, artístico dos seus gravadores, tipógrafos, e incluso das súas encadernacións (vitela a de 1741, as outras tres pasta española, con lombo de pel) son fieis expoñentes da maior obra da literatura universal.