Paisaxe da ponte de Ourense. Antonio Cendón
O Museo Arqueolóxico provincial de Ourense ten unha especial dedicación cara aos documentos relacionados coa propia historia do núcleo onde ten a súa sede, ata o punto de que no seu proxecto museolóxico un dos eixes de articulación é a historia da cidade, a carón dos da historia do edificio e a do ámbito territorial da Provincia ao longo dos tempos.
Esta peza, a Ponte Maior de Ourense, incardínase nese proxecto e forma parte dun conxunto de tres elementos de características semellantes, paisaxes urbanas, que nos outros casos son unha vista xeral da cidade de Ourense dende Vista Fermosa e unha da Catedral, que semellan todos da mesma man e, coidamos, dunha mesma época, mediados do século XIX, dos que a peza que nos ocupa aparece firmada no lateral esquerdo: A. Cendón.