Placa de cinto. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé
Coa presentación desta placa, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense completa o ciclo de 200 Pezas do mes, unha actividade que vén realizando ininterrompidamente desde 1999, ao longo de 20 anos, e que naceu e se mantén co propósito de conservar, estudar e difundir as ricas e variadas colección deste museo, consolidando así un proxecto de gran dimensión social, ofrecendo múltiples horizontes interpretativos e novas dinámicas de aproximación e interpretación do patrimonio moble conservado nel.
O obxecto que inaugurou esta serie da Peza do Mes do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense no mes de febreiro de 1999, foi un coitelo «Tipo Simancas» procedente do Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé.
Pois ben, vinte anos despois, volvemos sobre unha peza procedente do mesmo xacemento; nesta ocasión trátase dunha placa de cinto de forma rectangular, fabricada á cera perdida, con decoración calada de estilizacións de rolos vexetais, enmarcada nun friso de «sss» nos lados maiores e flanqueada nos extremos por liñas incisas. A presenza de catro soportes anelados pon de manifesto que a unión da placa á fibela se levaría a cabo por medio dunha bisagra. No reverso presenta dous botóns «arroblonados» para amarrar a placa ao material do cinto. Dadas as súas características, é de supor que a fibela sería das chamadas do tipo cornuda.
Os compoñentes de cintos atopados, xunto co citado coitelo tipo «Simancas», asociados a outros elementos de arreo de cabalo documentados neste xacemento, manifestan a relevancia social do que foi o seu propietario e a súa posible pertenza a unha elite de certo prestixio no desempeño de importantes funcións administrativas, motivo polo que eran portadores de obxectos cunha forte carga simbólica que fai referencia á súa posición social.