Puñal tipo Miraveche-Monte Bernorio. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

Puñal tipo Miraveche-Monte Bernorio. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

Decembro 2021
-
Xulio Rodríguez González e Carmelo Fernández Ibáñez
Puñal tipo Miraveche-Monte Bernorio. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé
Puñal tipo Miraveche-Monte Bernorio. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

Este tipo de puñal é coñecido como tipo Miraveche-Monte Bernorio, como referencia aos xacementos da Meseta norte (Burgos e Palencia) nos que foi atopado por primeira vez.

Conserva a folla encastada na vaíña debido á oxidación do ferro, da que sobresae unha parte da espiga. Este reforzo interno serviría de alma a unha empuñadura de óso -hoxe desaparecida-, como tamén está ausente o extremo superior da arma denominado pomo ou tope superior do puño. A garda ou gardapuño inferior coa forma de pequeno barco navicular, presenta unha amosega ou oco para encaixar coa pequena lingüeta no bordo da embocadura da vaíña.

A decoración, de gran riqueza e natureza xeométrica, é só perceptible na actualidade por medio de radiografía debido ao efecto da corrosión do ferro. Está realizada mediante a técnica de gravado e damasquinado, pola incrustación de fíos de prata encaixados en liñas incisas previamente sobre o metal. Na parte superior presenta un magnífico motivo de entrelazo.

O seu achado só se podería explicar pola presenza no noso xacemento dalgún individuo procedente da área cultural orixinaria da Meseta, que o gardou como unha reliquia dos seus antepasados.