Sigillata sudgálica decorada. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé
O achado deste fragmento de terra sigillata sudgálica produciuse na campaña arqueolóxica de 1988, dirixida por Xulio Rodríguez González, e corresponde á etapa alto-imperial dun poboado galaicorromano que coincide parcialmente no tempo coa ocupación do castro o dito poboado xorde grosso modo a mediados do século I d. C. e abandónase a mediados do século II d. C.
A peza corresponde a un fragmento de cunca que posúe a cor vermella brillante característica das producións sudgálicas, conseguida polo seu engobe «sinterizado», e conserva unha altura de 8,5 cm, unha largura máxima de 5,4 cm e un grosor de 0,5 cm. Dende o punto de vista formal, seguindo a tipoloxía de H. Dragendoff, correspóndese co número 30 (TSG Drag. 30) e polas súas características pódese determinar que procede do obradoiro de La Graufesenque.
Esta peza posúe unha decoración realizada a molde. Aínda que non se dispoña da cunca completa, pódese deducir que a escena principal elaborouse desenvolvendo un friso cunha ornamentación compartimentada («estilo de metopas») e constaría de varias imaxes mostrando loitas de gladiadores separadas por liñas perladas. Entre o bordo e a parte superior do friso apréciase a característica decoración consistente nunha cenefa de ovas e, por debaixo, unha serie de círculos concéntricos. A escena de loita representada correspóndese co enfrontamento de dous tipos de gladiadores. No lado esquerdo, figura un murmillo, que vai armado cun casco cristado (cassis), un escudo rectangular grande (scutum), unha greba metálica na súa perna esquerda (ocrea) e unha espada curta e recta (gladius). Á dereita, identificase a un tracio (thraex), con casco, un escudo rectangular pequeno (parmula), unha greba en cada perna, unha espada curta e curva (sica) e unha protección no antebrazo (manica). Ambos loitadores presentan o seu torso espido e visten un sinxelo taparrabos (subligaculum) suxeitado cun cinto (balteus). Aos pés dos combatentes distínguese un cánido correndo cara á dereita.