Vaso. Reza Vella
A elección da presente peza ten por obxecto dar a coñecer, con carácter eminentemente divulgativo, as escavacións realizadas no xacemento arqueolóxico de santa Catarina de Reza Vella ou da veiga de Reça, topónimo coa que aparece citada na documentación alto medieval a contorna da capela homónima. O lugar, situado ao sur e protexido do norte é propicio para hortas e cultivos, e vía natural de comunicación na marxe dereita do Miño, e, como virían a demostrar estes traballos, un dos berces da cidade de Ourense.
Testemuña de ofrendas e do sentido da transcendencia é a peza que hoxe damos a coñecer. Trátase dun vaso de perfil troncocónico invertido con marcada carena, da que partirían dúas asas –consérvase só o arrinque dunha e un terzo da outra–, e non conserva o bordo; o ombro é invasado, arqueado e moi amplo, e o pé é estreito e alto. A súa pasta é de cor ocre, de composición micácea, textura fina e relativamente dura. O equipo arqueolóxico, dirixido por Mario César Vila, a enmarca no Baixo Imperio Romano, na tipoloxía V2A de Alcorta. Apareceu xunto con abundantes carbóns e fragmentos de óso e relacionado co nivel sobre o que se escavaron as fosas, e coas estruturas de combustión, que conforman a necrópole.