Vaso votivo. Castro de Castromao
O vaso que presentamos foi recuperado no xacemento de Castromao, na campaña de escavación de 2007, dirixida por L. Orero Grandal.
Trátase da parte superior dunha xerra ou vaso de 10’5 cm de diámetro aproximadamente cunha característica decoración. Consérvanse dúas asas da peza, aínda que se ten dito que podería ter unha terceira, agora perdida. Enriba das asas, obsérvanse cuncas hemisféricas. Na parte superior do corpo aparece un cordón plano, xunto con catro motivos realizados a molde e aplicados ao vaso. Dun lado, pódense observar a cabeza dun león e un acio de uvas e do outro, unha cesta que parece conter froitos e outro acio de uvas, aínda que cunha configuración algo diferente ao anterior.
Sobre a súa produción, as características da pasta apuntarían a unha cerámica común fina producida en Bracara Augusta.
Polo contexto de aparición da peza, podemos datala a finais do século I ou inicio do século II.