Vidro millefiori da Cibdá galaico-romana de Armea
A peza que presentamos é un fragmento de fondo realizado coa técnica millefiori, parte da colección de vidros mosaico recollidos na Cibdá galaico-romana de Armea (Santa Mariña de Augas Santas, Allariz, Ourense). Dentro do rico conxunto de materiais mobles aparecidos no xacemento, destaca o grupo de obxectos fabricados en vidro, non soamente pola súa cantidade, senón tamén pola súa diversidade. Identificáronse botellas, cuncos e pratos, feitos con diferentes técnicas (incluíndo os fragmentos millefiori), pero tamén contas de colar (oculadas, de melón ou discoides) ou fragmentos de ventá, xunto con escouras e outros restos.