Certamen literario en conmemoración del segundo centenario del nacimiento de Fray Benito Jerónimo Feijóo
Emilia Pardo Bazán; Valentín Lamas Carvajal
Tipografía y estereotipia Perojo. Madrid. 1877
Biblioteca da Comisión Provincial de Monumentos
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Co fin de conmemorar o segundo centenario do nacemento do Padre Feijoo, o claustro do Instituto ourensán, convoca en 1876 o Certamen literario en honor del P. M. Fr. Benito Jerónimo Feijóo. As obras debían ser inéditas e orixinais, e no caso de ser premiadas a propiedade e dereito de publicación quedaría en poder da Comisión, quen utilizaría o produto da venda para a axuda da erección dun monumento a Feijoo.
Dos catro premios previstos, o xurado concedeu un pensamento de ouro e prata á poesía: ¿Qué curazon non ten oxe latidos? – Qué lábio tendo voz agora cala?, da autoría de Lamas Carvajal (1849 – 1906). Unha rosa de ouro foi outorgada á composición: Beato te che il fato, da que era autora Emilia Pardo Bazán (1851 – 1921). O asunto de tema biográfico declararíase deserto. Por último, a decisión sobre a convocatoria do mellor estudo crítico da obra do Padre Feijoo foi a máis complexa. Tardaron varios meses e precisaron do asesoramento da Universidade de Oviedo para chegar a un dictame no que os tres estudos presentados foron rexeitados para o premio consistente en catro mil reais. Pero, pola linguaxe rica e o brillante estilo, adxudicáronlle o accésit ó estudo presentado por Emilia Pardo Bazán. As outras duas obras foran escritas por Miguel Morayta (1834 – 1917) e Concepción Arenal Ponte (1820 – 1893).
O estudo de Morayta, só atopara o voto de Paz Novoa, quizais polo feito de concordar nas ideas republicanas ambos os dous. A verdadeira batalla centrábase nos outros dous estudos. É curioso que dúas mulleres de tan destacado aporte á sociedade, competiran de forma tan disputada a gloria do certame en honor do autor do discurso «Defensa de las mujeres». Concepción Arenal xa en idade madura e en plenitude profesional e Pardo Bazán con apenas vinte e cinco anos e na súa primeira experiencia importante, representan dúas formas distintas de abarcar a obra do Padre Feijoo e aos dous bandos nos que se dividía o xurado. Case que cen anos despois maniféstanse posturas similares, Blanco Amor alíñase con Concepción Arenal e Otero Pedrayo fai o propio con Pardo Bazán.
Concepción Arenal expuxo un estudo máis atrevido que publicaría en 1877 baixo o título de Juicio crítico de las obras de Feijoo. Co seu triunfo, Pardo Bazán, conságrase como autora en prosa e prodúcese o seu despegue literario. Boa parte do éxito debíao a un bo coñecemento da obra do Padre Feijoo que lía con fruición, por iso cando ten coñecemento do certame non dubida en presentarse, a pesar de todos os inconvenientes que se lle presentaban e o feito de estar embarazada. Máis tarde confesará nunha carta a Menéndez Pelayo: «el Estudio crítico sobre las obras de Feijoo me parece hoy tan defectuoso y malo, que hasta reeditarlo corrigiéndolo, no me atrevo en modo alguno a presentárselo».
Feitas unhas correccións e co permiso da autora, o libro imprimiuse en 1877, xunto coas poesías premiadas, na Tipografía – estereotipia Perojo de Madrid cunha tirada de 600 exemplares e saíu á venda para contribuir económicamente no monumento ao Padre Feijoo.