Esta lámina, realizada en tinta sobre papel, pertence ao Caderno de debuxos atribuído ao Padre Sarmiento que se conserva no fondo documental do Museo Arqueolóxico e foi recentemente publicada na Peza do Mes. O investigador Justo Carnicero Méndez-Aguirre estuda o conxunto de inscricións e debuxos de diversos elementos artísticos e arquitectónicos que coinciden exactamente cos lugares por onde pasou o P. Sarmiento, nas súas tres viaxes a Galicia en 1725, 1745 e 1754-1755.
O caderno, composto por 76 láminas de formato apaisado (28 x 38 cm), encadernado en rústica e con lombo de pel, foi adquirido pola Comisión de Monumentos a comezos do século XX. A importancia deste traballo radica en que o P. Sarmiento, inmortalizou as pezas, «in situ», nos lugares onde se encontraban no século XVIII. Son pois, «fotografías» das súas viaxes.
A lámina que presentamos inclúe o debuxo do pedrón de Padrón, e textos que recollen a lenda xacobea que o rodea.
A pedra, labrada en granito era, en orixe, unha ara romana empregada como altar nas cerimonias dedicadas ao deus Neptuno. Na súa superficie pode lerse unha inscrición que os expertos traducen como “a Neptuno coas achegas dos irienses”, o que confirma a advocación ao deus romano das augas.
Posteriormente o pedrón foi “cristianizado” coa adición dunha cruz gravada. A tradición xacobea lígao coa traslatio, a chegada por mar do corpo de Santiago o Maior, afirmando que ésta foi a pedra na que a barca apostólica se amarrou cando tocou terra. Segundo a lenda, Atanasio e Teodoro, discípulos do Apóstolo, trouxeron os seus restos por mar dende Palestina a Galicia cruzando o Mediterráneo, atravesando as columnas de Hércules (o estreito de Xibraltar) e bordeando a costa atlántica. A traslatio marítima remataría en Padrón, coa chegada da barca ao porto de Iria Flavia. Alí sería amarrada a nave ao pedrón e desembarcado o corpo camiño do outeiro de Libredón, na actual Compostela, onde acabaría sendo enterrado e redescuberto oito séculos despois polo eremita Paio. Este feito provocaría o traslado do bispado de Iria Flavia a Santiago.
O pedrón atópase hoxe baixo o altar maior da igrexa de Santiago, no casco antigo de Padrón.