Tejerizo desmontou a visión da Alta Idade Media como “escura”, amosando a riqueza das aldeas e a iniciativa do campesiñado galego. Destacou o debate entre continuidade e ruptura cos castros así como o colapso do mundo romano co declive de cidades e vilas. O nacemento de novos asentamentos rurais con silos soterrados, casas sinxelas pero duradeiras e unha organización complexa e estable afastase moito da idea de inestabilidade. Varios exemplos mostran aldeas planificadas con barrios, cemiterios e distintos modelos de urbanismo. Estas comunidades, con costumes que perduran ata hoxe, integráronse en procesos políticos e fiscais e responderon á presión das elites e mosteiros creando montes comunais e consellos para defender os seus intereses.