Arqueoloxía en monodose: “Gallaecia, O Reino Suevo e Galicia” por Francisco Javier Pérez Rodríguez e “Presencia Visigoda no Arzobispado Bracarense, o exemplo do Alto Támega” por Víctor Rodríguez Muñiz

Arqueoloxía en monodose: “Gallaecia, O Reino Suevo e Galicia” por Francisco Javier Pérez Rodríguez e “Presencia Visigoda no Arzobispado Bracarense, o exemplo do Alto Támega” por Víctor Rodríguez Muñiz

As conferencias “Gallaecia, o Reino Suevo e Galicia”, impartida por Francisco Pérez Rodríguez, e “Presenza visigoda no Bispado Bracarense: o exemplo do Alto Támega”, a cargo de Víctor Rodríguez Muñiz, ofreceron unha visión complementaria sobre a transición do mundo romano á plena Idade Media no noroeste peninsular, centrándose na evolución política, territorial e material da antiga Gallaecia.

Nestas conferencias explicouse como, tras a entrada de suevos e visigodos en Hispania no 409, os primeiros acabaron establecendo un reino en Gallaecia, inicialmente con grande extensión territorial e capital en Mérida. Tras enfrontamentos cos visigodos, este primeiro reino foi derrotado preto de Astorga, dando paso a un período escuro ata a reconfiguración do chamado segundo reino suevo, xa con capital en Braga e unha estrutura eclesiástica máis definida. Destacouse a importancia do eixo Braga–Miño como núcleo de poder e o crecemento de cidades como Ourense, así como a necesidade de non confundir este reino co posterior Reino de Galicia medieval.

Pola súa banda, abordouse a pouco coñecida presenza visigoda no territorio, caracterizada por escasas evidencias materiais e unha forte continuidade co mundo tardorromano. Analizouse o caso do Alto Támega como exemplo de ocupación sobre espazos previamente romanizados. Tamén se expuxo a posible continuidade de actividades económicas como a minería e a existencia de indicios culturais na toponimia. Finalmente, subliñouse a necesidade de reinterpretar algúns contextos arqueolóxicos para comprender mellor este período, sinalando que as dinámicas políticas e territoriais dos séculos VI e VII influíron en configuracións posteriores, mesmo ata o século XII.